Na Coruña Contas

Volver

Humanización e reurbanización da rúa peonil Ángel Senra

David Paz David Paz  •  27/09/2021  •  Distrito 4  • 

Aparcamentos descontrolados
Aparcamentos descontrolados

Código proposta de investimento: 3216

A peonalización da rúa Ángel Senra foi, no seu día (comezos de 2003), un dos avances de maior impacto socioeconómico no barrio dos Mallos. Así e todo, o proxecto sempre semellou máis ben unha "proba piloto", sen planexamento rigoroso nin afán de sustentabilidade, para despois desenvolver peonalizacións noutros barrios da cidade con moita maior seriedade e fundamentos técnicos (A Gaiteira, Beiramar...). En 2009 sufriu unha "remodelación" que afondou aínda máis na falta de previsión e criterio arquitectónico. O resultado é unha vía peonil que hoxe en día presenta serias deficiencias, resumidamente:

  1. Presenza de tráfico rodado en todos os tramos da vía peonil, con vehículos que saltan os sinais que obrigan a non virar pola peonil para as rúas adxacentes, e aparcamentos indiscriminados en calquera espazo da rúa. Isto agrávase cada vez máis por mor do crecemento da actividade de reparto de paquetaría.
  2. Ausencia de criterio arquitectónico homoxéneo e calidade deficiente dos materiais de construción. Isto tradúcese na presenza de especies arbóreas indistintas, con algunhas que non son acaídas nunha contorna urbana (as laranxeiras de Oidor Gregorio Tovar atraen as moscas, ao apodreceren os froitos nas pólas), e na instalación de material urbano que non segue unha liña común.
  3. O equipamento da rúa, non sendo as recentes papeleiras, está moi dereriorado ou desaparecido (unha fonte á altura de Oidor Gregorio Tovar, colectores de pilas, morróns ("bolardos") que faltan (na praza de San Vicente aproveitan para aparcar os coches), xardineiras nunca repostas etc.
  4. Presenza intrusiva, caótica e desorganizada do equipamento hostaleiro, o que se acentuou coas medidas derivadas da covid. Nalgunhas zonas hai que atravesar terrazas para cruzar por un paso de peóns.

De acordo con esta problemática grave e persistente, a proposta busca:

  1. Reurbanizar a vía peonil, desde criterios humanizadores, para evitar que se poida transcorrer cos vehículos entre rúas perpendiculares, atravesando a peonil desde calquera das rúas adxacentes. Os vehículos de traballo deberían ter indicados os seus lugares de aparcamento, mesmo con prazas marcadas no pavimento. En todas as interseccións debe haber morróns e xardineiras que impidan o aparcamento (ao estilo da rúa Barcelona), así como nas zonas centrais da rúa, para gozo e esparcimento da veciñanza. Só sería necesario prever o espazo que se debe deixar ao paso dunha ambulancia nunha emerxencia. Debe perseguirse de maneira insistente, día a día, o aparcamento indebido e ilegal.
  2. Humanizar a contorna, optando por un mobiliario e unhas especies arbóreas adecuados, desde unha planificación rigorosa que teña en conta os condicionantes da rúa e a realidade do barrio. Para reactivar a vida da vía, suxerimos a colocación de instalacións artísticas de tipo escultórico, fontes etc.

Localización: Rúa Ángel Senra (Os Mallos)

Documentos (1)

Informe de inviabilidade

A túa proposta non pasou á fase de votación e foi declarada INVIABLE porque, ainda que estivo entre as máis apoiadas do distrito na fase de priorización, o seu orzamento de execución supera o límite asignado ao distrito, e non pode incluirse no grupo de propostas de cidade por ter acadado menos de 90 apoios, límite establecido nesta categoría para pasar á fase final de votación. Con todo, todas as propostas, tanto as viables como as inviables, son enviadas ás distintas Concellarías para que coñezan as demandas da cidadanía e poidan telas en conta no futuro. Animámoste igualmente a que participes na última fase, votando aquelas propostas que o teu barrio necesita. Na Coruña contas.


Necesitas iniciar sesión ou rexistrarte para comentar.
  • 6d8f76f7-fb35-45c5-ad02-2d5ccea45603

    Eu apuntaría unha razón mais para revisar a urbanización desta rúa (supostamente peonil). Durante todas as horas do día circulan pola rúa camións pesados, (SACYR Agua) cargados de auga; auga da que se abastecen no cruce da rúa Marqués de Figueroa coa propia Ángel Senra. É algo inaudito. Camións industriais "paseando", (circulación prohibida recordemos), pola rúa. Iso causa tremendas molestias a moita poboación: CONTAMINACIÓN POR GASES E RUÍDOS; amolar a persoas usuarias das terrazas de hosteleria (que ocupan demasiado espazo público, tamén hai que dicilo); paseantes; residentes dá propia rúa que non poden abrir as xanelas dos seus domicilios para impedir a entrada dos fumes contaminantes dos camións. En definitiva unha ABERRACIÓN consentida polo Goberno municipal. Apoiemos esta proposta de facer desta rúa UNHA AUTENTICA VÍA PEONIL.

    Sen respostas
Non hai fitos definidos