A Porta Aberta

Que son os Orzamentos Participativos?

Os Orzamentos Participativos son unha ferramenta para que os veciños e as veciñas da Coruña decidan libremente e de maneira directa en que empregar unha parte do orzamento do seu Concello.

A cidadanía propón proxectos de investimento que son preseleccionados nunha fase de apoios cidadá, logo son avaliados polo persoal técnico do Concello e, finalmente, chegan a unha fase de votación final. Os proxectos máis votados pola cidadanía pasan a formar parte do proxecto inicial do Orzamento Xeral do ano seguinte.

Que cantidade destina o Concello aos Orzamentos Participativos e como se reparte na cidade?

Na terceira edición do programa destinaranse de novo 3 millóns de euros: 1 millón para toda a cidade e 2 millóns de euros repartidos equitativamente entre os 10 distritos que a conforman (200.000 euros para cada distrito), para non esquecer nin o recuncho máis pequeno das nosas rúas.

Quen pode participar?

Todas as persoas empadroadas na Coruña e maiores de 16 anos poderán propoñer, apoiar e votar propostas. Deberán facelo nesta mesma páxina web, sendo necesaria a verificación dunha conta de persoa usuaria que requerirá os seguintes datos: nome e apelidos, data de nacemento, número de DNI, código postal, un enderezo de correo electrónico e un teléfono (este dato non é obrigatorio).

Se xa participaches nos Orzamentos Participativos nalgunha edición anterior, non terás que verificar a túa conta de persoa usuaria pois permanece activa para as seguintes edicións.

Se esqueciches o teu nome de usuario ou a túa contrasinal, ou precisas solucionar outros problemas de acceso, ponte en contacto con nós chamando ao 010 ou a través do correo presupostos.participativos@coruna.es

Igual que en anos anteriores, as persoas que prefiran participar con apoio persoal directo, poderán acudir aos espazos de debate e aos puntos de apoio presencial, que son: as Bibliotecas Municipais da Coruña, o CMIX , os Centros Cívicos Municipais e a Federación de Asociacións de Veciños de A Coruña e Área Metropolitana. Nestes lugares haberá persoal especializado que prestará o apoio necesario para garantir a participación de xeito rápido e sinxelo.

Cales son as fases do proceso?

  1. Información, debate e presentación de propostas.
  2. Apoios ás propostas.
  3. Avaliación das propostas máis apoiadas.
  4. Votación final.

Podes atopar unha explicación detallada de cada fase no apartado que explica como é o proceso.

Que podo propoñer?

Coma sempre, poderás facer propostas de investimento que consideres importante que o Concello leve a cabo, tanto para toda a cidade como nos distritos.

Lembra que para que a túa proposta sexa válida, ten que cumplir os seguintes requisitos:

  • Ser un investimento: basicamente todo o que o Concello pode construír ou adquirir que teña unha duración superior a un ano, que non se consuma co uso, que se poida inventariar e que non sexa un gasto previsiblemente reiterativo.
  • Ser competencia do Concello: hai gastos que son competencia da Xunta de Galicia ou da Administración do Estado e que os concellos non poden facer.
  • Ser legal: estudarase se hai algunha normativa contraria á proposta ou se non favorece o ben común.
  • Ser viable tecnicamente: tamén se estudará se existe algún impedimento técnico para levar a cabo a proposta. Cando a valoración dunha proposta requira estudos previos, non se declarará inviable. Neste caso, o custo total previsto incluirá o de facer ese estudo previo e, advertirase no propio informe que a viabilidade final da proposta dependerá do resultado dese estudo.
  • Que o seu custo non supere o importe máximo de 1 millón de euros nas propostas de cidade. Nas propostas de distrito, se unha proposta supera o máximo asignado de 200.000 euros, reclasificarase como proposta para toda a cidade, para que non quede eliminada e que a cidadanía poida decidir cos seus votos se a fai súa.

Podemos investir para estes fins: educación, coñecemento, culturas, deportes, promoción social, igualdade, diversidade, innovación democrática, participación, mobilidade, tráfico e transporte, infraestruturas, medio ambiente, coidados e servizos sociais, turismo, emprego, economía social, promoción económica, saúde e consumo, seguridade cidadá, etc.

Algúns exemplos de investimentos:

  • Creación de novas infraestruturas: sendas peonís, urbanizacións viarias, sinalización inclusiva, sendas seguras, carrís bici, mobiliario urbano, iluminación, parques, zonas axardinadas, árbores e xardineiras, fontes, baños públicos, rede de sumidoiros, iluminación pública, infraestruturas de xogo etc.
  • Reposición de infraestruturas: reutilización de espazos, adecuación de soares, remodelación de viais e da súa sinalización, reforma de iluminación, remodelación de parques, remodelación de parques infantís, zonas verdes, reposición de fontes, reposición de mobiliario urbano, de equipamentos deportivos etc.
  • Construción ou reforma de edificios e infraestruturas sociais: equipamentos para a infancia e a xuventude, espazos culturais e artísticos, espazos para maiores, instalacións deportivas, mercados, equipamentos para usos interxeracionais, remodelación de edificios públicos para novos usos, etc.
  • Adquisición ou reposición de elementos de transporte: vehículos para bombeiros, policía, etc.
  • Elementos de Software e Hardware: aplicacións, plataformas dixitais, equipos informáticos etc.

Exemplos de custos de investimentos:

Para que teñas a máxima información posible á hora de facer a túa proposta, incluímos algúns exemplos de custos baseados nos informes técnicos da edición anterior e que se repetiron con frecuencia:

  • Árbores: entre 500 e 2.800 €, dependendo da localización e da necesidade de obras accesorias (zona verde existente, beirarrúa estreita, etc.)
  • Base aparca-bicicletas: entre 150€ / unidade (aparcabici individual tipo grapa) e 3.100 € (modelo de aceiro con 8 postos)
  • Base Bici Coruña: 24.000 € cada base (con 16 postos de ancoraxe e 10 bicicletas)
  • Beirarrúas (levantamento e reposición): a partir de 150 € / m2 (dependendo das instalacións ás que afecte)
  • Bicicletas Bici Coruña: 500 € / unidade
  • Bolardos: 125 € / unidade
  • Carril bici: entre 80 € / m (só pintar e balizar en pavimento existente) e 300 € /m (se supón obras en beirarrúas, sumidoiros ou sinalización)
  • Hortas urbanas: 110 € / m2
  • Máquina de exercicios biosaudables:1.300 € / unidade
  • Luminarias LED: aprox. 1.000 € / unidade (só a luminaria) e 1.850 € /unidade (luminaria máis columna soporte)
  • Paso de peóns: entre 2.500 € e 25.000 €

NON son propostas viables:

  • Por non ser competencia do Concello:
    Construción de colexios, centros de saúde ou institutos
    Infraestruturas de estradas de acceso á Coruña e ferrocarril
    Investimentos en soares ou terreos non municipais
    Comisarías
  • Por non ser un investimento, senón un gasto corrente:
    Contratación de persoal
    Mantemento e conservación de edificios, vehículos e mobiliario
    Contratación de empresas e persoas autónomas para a realización de traballos e servizos
    Alugueiros de edificios, vehículos, mobiliario, maquinaria
    Subministracións: vestiario, combustibles, enerxía eléctrica, gas, alimentos etc.
    Servizos de limpeza e contratación de persoal para limpeza
    Mantemento, conservación ou limpeza de edificios e parques
  • Por non ser un investimento, senón unha subvención:
    Subvencións e axudas a familias, institucións sen ánimo de lucro, fundacións, empresas privadas etc.
    Concesión de bolsas, premios, asistencia benéfica etc.
  • Por ser decisións administrativas que implican un gasto non definido e contificado, e que, a priori, suporía un maior gasto que non sería investimento, senón corrente:
    Ampliación do horario do servizo de autobuses ou modificación de rutas
  • Como fago a miña proposta?

    Podes presentar tantas propostas como queiras, tanto para toda a cidade como para os diferentes distritos.

    Antes de presentala, podes botar un ollo ás que xa presentou o resto da cidadanía para evitar duplicidades e que non consigan o máximo de apoios para chegar á fase de avaliación. Podes saber se hai propostas similares á túa filtrando polas etiquetas de categorías.

    Para cada proposta tes escribir un título e unha descrición:

    • O título debe levar os datos máis representativos da túa proposta, pois vai ser o que a cidadanía vexa e busque á hora de apoiar.

      Exemplos: “Instalar fontes con bebedoiro inferior para cans”, “Instalación de máquinas de exercicios biosaudables na Praza Pablo Iglesias”, “Carril bici entre a fonte dos surfistas e o Aquarium”.

    • Para a descrición terás un espazo limitado de 900 caracteres. Canto máis detallada sexa a túa descrición (que queres, cantas unidades, onde o queres...), máis doado será para o Concello avaliar e orzamentar a túa proposta e para a cidadanía decidir apoiala e votala.

      Exemplos: “Instalar fontes ou adaptar as existentes con bebedoiros inferiores para os cans no Paseo Marítimo, Parque da Torre, Parque de Santa Margarida e Parque de Bens”, “Entre a fonte dos surfistas e o Aquarium, cómpre facer un carril bici no tramo onde non hai e mellorar o tramo existente, pois o enlosado fai que as bicis vaian dando botes e hai demasiados obstáculos (bancos, papeleiras, etc.)”, etc.

      Ten en conta que se a túa proposta é moi xenérica (ex.: “máis árbores nas rúas”, “máis baños públicos na cidade”, “iluminación led no meu distrito”...) e non limitas a cantidade, automáticamente o equipo técnico fará unha avaliación razoable o máis axustada posible á natureza da proposta, establecendo no custe un límite máximo de 250.000 € nas propostas para toda a cidade e de 50.000 € nas propostas para un distrito.

      Para resolver todas as dúbidas que poidas ter, consulta o apartado de preguntas frecuentes.

    • Como é o proceso?

      O Concello da Coruña reservóu 3 millóns de euros dos orzamentos de 2019 para que a cidadanía decida o seu destino: 1 millón destinarase a proxectos para toda a cidade e 2 millóns repartiranse equitativamente entre os 10 distritos

      O procedemento está divido en catro etapas:

      1. Fase informativa, de debate e presentación de propostas.

      Para debater sobre as necesidades dos distritos e da cidade, durante esta primeira fase realizaranse 5 encontros presenciais organizados pola Concellaría de Participación en distintos puntos da cidade. Ademáis poderán levarse a cabo encontros de debate e participación presencial nas Bibliotecas Municipais, na rede de Centros Cívicos Municipais, no CMIX, na Federación de Asociacións Veciñais de A Coruña e Área Metropolitana e noutras entidades colaboradoras. Tamén, as entidades veciñais, sociais e culturais da cidade poderán organizar, se o desexan, os seus propios encontros. Neste caso, o Concello proporcionaralle á entidade organizadora a formación e a documentación coa metodoloxía necesaria para facilitar o seu desenvolvemento e colaborará coa difusión do encontro. Consulta os espazos de debate.

      A Concellaría organiza tamén 3 encontros informativos-formativos e de debate dirixidos ás entidades inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións da Coruña, REMAC. Son encontros nos que se informarán polo miúdo sobre as posibilidades que ofrece este programa ás entidades, en función do seu ámbito de actuación, ofrecendo unha pequena formación sobre o uso da plataforma para a participación. Consulta os encontros para as entidades do REMAC.

      Ademáis, co obxecto de chegar a toda a veciñanza da Coruña e garantir a participación da cidadanía, organízanse 3 eventos informativos na rúa, en lugares da cidade que contan con especial afluencia e momentos de maior tránsito de persoas. Espazos de rúa nos que calquera persoa pode achegarse, informarse e participar utilizando o seu propio dispositivo dixital ou a través de tablets postas a disposición da veciñanza, e co apoio de persoal mediador se fose preciso. Consulta os eventos informativos de rúa.

      Durante o prazo de desenvolvemento desta primeira fase, calquera persoa maior de 16 anos e empadroada na Coruña poderá presentar as súas propostas de investimento para a cidade e para os distritos, sempre a través desta páxina web.

      Para garantir a participación de toda a cidadanía, quen prefira a participación presencial, poderá acudir aos puntos de apoio presencial: as Bibliotecas Públicas Municipais, os Centros Cívicos Municipais, o CMIX, e a Federación de Asociacións de Veciños de A Coruña e Área Metropolitana onde haberá persoal de apoio que ofrecerá información e asistencia para a presentación de propostas.

      2. Apoios ás propostas.

      Neste período desenvólvese unha fase de priorización na que calquera persoa empadroada na Coruña e maior de 16 anos (non é necesario que participase na fase anterior de achegas) poderá apoiar as propostas que elixa para toda a cidade e, este ano, para un total de tres distritos da súa elección. É importante participar nesta fase porque só as propostas máis apoiadas pasarán á seguinte fase de avaliación e á votación final.

      3. Avaliación das propostas.

      As propostas maís apoiadas serán avaliadas polo Concello para confirmar que son válidas e viables e poden ser incluídas no capítulo de investimentos do orzamento para o 2019 do Concello da Coruña, ademais de realizar un orzamento estimativo do custo económico de cada proposta. Aquelas que non encaixen no capítulo de investimentos, que o seu custo supere o orzamento previsto, non entren no ámbito competencial do Concello, sexan contrarias á normativa de aplicación ou inviables tecnicamente serán excluídas.

      Ao finalizar o período publicaranse todas as propostas, tanto as aprobadas como as rexeitadas, cos seus informes e valoracións correspondentes.

      4. Votación final.

      Todas as persoas empadroadas na Coruña e maiores de 16 anos poderán votar nesta fase final. Cada persoa pode votar unha ou varias propostas para toda a cidade, ata 1 millón de euros, e unha ou varias propostas ata o importe total asignado a cada distrito (200.000 euros), nun máximo de tres distritos da súa elección. As propostas votadas co seu custo visualízanse nunha barra e pódense modificar en calquera momento ata que remate a fase de votación, incluso cancelar os votos dalgún ou de todos os distritos elixidos para votar noutro/s distinto/s.

      Rematada a votación, ordenaranse as propostas da máis á menos votada para toda a cidade e para cada distrito, e seleccionaranse as máis votadas ata 3 millóns de euros.

      Se, ao ir incorporando as propostas, unha delas fai que se supere a cantidade total, quedará excluída da suma e pasarase á seguinte, ata alcanzar o importe máximo de toda a cidade (1 millón de euros) e de cada distrito (200.000 euros).

      As propostas gañadoras incorporaranse ao proxecto inicial do Orzamento Xeral do Concello da Coruña de 2019 para a súa aprobación pola Xunta de Goberno Local. Aprobado o orzamento polo Pleno, publicarase cada un dos proxectos seleccionados coa descrición das actuacións e das fases nas que se atopen, de xeito que se permita entender de maneira sinxela a evolución de cada un deles.

      Ademais, para garantir a máxima participación da cidadanía durante todo o proceso, o equipo técnico dos servizos implicados, na medida das súas posibilidades, se reunirá coas persoas autoras das propostas gañadoras para definir e axustar os proxectos o máximo posible á idea que tiñan en mente cando as presentaron.

      A Concellaría de Participación e Innovación Democrática coordinará todo o proceso. Finalizado este, a partir das avaliacións dos seus resultados, promoveranse as modificacións e melloras que se consideren necesarias para desenvolver o proceso do ano seguinte.

      Preguntas frecuentes

      Sobre canto diñeiro imos decidir e como se reparte na cidade?

      Neste terceiro ano, o orzamento participativo será de 3 millóns de euros: 1 millón destinado a propostas para toda a cidade e 2 millóns para repartir equitativamente entre os 10 distritos que a compoñen (200.000 para cada distrito).

      Se as propostas presentadas para un distrito non chegasen á cantidade asignada (200.000 euros), o importe sobrante repartiríase equitativamente entre os distritos restantes.

      En que se diferencia unha proposta para toda a cidade dunha proposta para un distrito?

      As propostas para toda a cidade cumpren algunha das seguintes condicións:

      • Non están localizadas nun distrito específico (ex.: mellorar algún elemento que existe por toda a cidade, como árbores, papeleiras, fontes...)
      • Afectan a varios distritos de xeito equivalente (ex.: carril bici do centro á universidade)
      • Afectan a elementos que son relevantes para a maioría da cidadanía ou para máis habitantes que os pertencentes a un distrito concreto (ex.: accesos á universidade, propostas sobre os Xardíns de Méndez Núñez, etc.)

      As propostas de distrito están ubicadas nun distrito concreto e non cumpren as condicións anteriores.

      Durante a avaliación, o equipo técnico poderá recategorizar unha proposta se detecta que está erroneamente categorizada como de cidade no canto de distrito ou á inversa.

      Ademais, se o custo dunha proposta de distrito supera a cantidade total asignada a ese distrito, reclasificarase como proposta para toda a cidade, para que non quede eliminada e que a cidadanía poida decidir cos seus votos se a fai súa.

      Pódense facer propostas que leve máis dun ano executalas?

      Si. O único que se esixe é que o total do custo da proposta poida ser financiado co orzamento dispoñible, é dicir, a proposta orzamentarase co prezo total e non co custo do primeiro ano.

      Aínda que se fale de propostas de investimento, pode a proposta supoñer gastos doutras partidas orzamentarias?

      Si. O Concello comprométese a destinar o diñeiro axeitado doutras partidas para que a proposta se leve a cabo, sempre cando sexa posible a nivel técnico.

      Que diferenza hai entre a fase de apoios e a votación final?

      Na fase de apoios, as preferencias da cidadanía ordenan as propostas da máis á menos apoiada. Os servizos do Concello comezarán a avaliación técnica polas máis apoiadas e tentarán avaliar o maior número de propostas posibles para a votación final.

      Podo votar propostas de calquera distrito?

      Calquera persoa pode votar propostas para toda a cidade e tamén para un máximo de tres distritos da súa elección. Por que? Para que a cidadanía poida decidir en que distritos quere implicarse máis: o distrito do empadroamento, o do seu traballo, onde disfruta do seu ocio...

      Pode ocorrer que un proxecto seleccionado na votación final non chegue a ser realizado?

      Tras finalizar o proceso de Orzamentos Participativos, as propostas incluiranse no Proxecto Inicial do Orzamento Xeral do Concello da Coruña para a súa aprobación polo Pleno. Isto implica que as propostas pasarán todos os controis e estudos adicionais que pasan todos os proxectos que se incorporan aos orzamentos do Concello. Aínda que se fixo un estudo previo antes da votación dos Orzamentos Participativos, neste trámite final poderían aparecer estudos adicionais que atopasen obstáculos non detectados anteriormente. No caso de que sexa así, convidarase a quen fixese esa proposta a reformulala para incluíla no seguinte proceso de orzamentos.

      Que pasará despois de votar? Como sabemos se as propostas se levan a cabo?

      Unha vez finalizada a votación final, xa coa lista de propostas que cadren co orzamento total destinado a orzamentos participativos, incluirase esta lista no proxecto inicial de orzamentos 2019. Estes empézanse a traballar a finais de verán para aprobalos xusto antes de acabar o ano. O compromiso do Goberno Local é asumir de maneira vinculante o decidido, é dicir, que o resultado do proceso será incluído nos orzamentos coma se fose decidido polo propio Goberno. Unha vez aprobados os orzamentos, estes publicaranse na web na sección de Orzamentos Participativos, e farase un seguimento de cada unha das propostas seleccionadas onde se irá detallando qué pasa con elas de aí en diante. A información é completa e transparente para que poidas facer un seguimento de como evoluciona cada proposta.

      Existen, ademais da web, mecanismos presenciais para participar?

      A Concellaría de Participación e Innovación Democrática conta co apoio das oito bibliotecas municipais e a rede de Centros Cívicos Municipais, que se converten en espazos presenciais de participación, así coma o CMIX (Centro Municipal de Información Xuvenil), e a Federación de Asociacións de Veciños de A Coruña e Área Metropolitana.

      As persoas que o desexen poden acudir a calquera destes puntos a informarse, a presentar propostas, a apoiar e a votar, e contarán con persoal de apoio para resolver calquera dúbida que poidan ter sobre os Orzamentos Participativos.

      Ademais, durante a primeira fase, tamén se poderán presentar propostas nos encontros presenciais, espazos de debate e nos encontros coas entidades do REMAC.

      Existe algunha experiencia parecida nalgún outro lugar?

      Si. Os orzamentos participativos naceron en Porto Alegre (Brasil) na década dos 80. Desde entón estendéronse de maneira progresiva, e esa experiencia local converteuse nunha tendencia global, con miles de procesos de orzamentos participativos en marcha nos cinco continentes.

      Atopamos exemplos como París, onde os residentes decidirán ata o 2020 como se gastan 426 millóns de euros (o que corresponde co 5% do orzamento municipal da cidade); Nova York, onde o ano pasado dedicaron 32 millóns de euros a orzamentos participativos; Islandia, a través da súa plataforma Betri Reykjavík-Betri Hverfi (Better District), onde cada ano reserva 1,8 millóns de euros en proxectos propostos pola poboación para os distintos barrios de Reikiavik.

      Moito máis preto temos a Portugal, que se converteu o ano pasado en país pioneiro en lanzar os orzamentos participativos a nivel nacional; Madrid, que este ano reserva 100 millóns de euros a repartir entre a cidade e os distritos; ou Santiago de Compostela, que no 2017 adicou 1 millón de euros para investimentos e 100.000 euros para actividades da mocidade.

      Puntos de apoio presencial

      Para participar presentando as túas propostas, priorizando as que máis che gusten e votando a que prefiras, tes que facelo nos prazos de tempo indicados para cada unha destas fases, e sempre a través desta páxina web, coa túa conta de persoa usuaria.

      Se tes dificultades de acceso a internet e ás novas tecnoloxías, ou prefires que alguén che preste apoio directo, diríxete a calquera das bibliotecas municipais que están repartidas por toda a cidade, aos Centros Cívicos Municipais, ao CMIX que está situado no Fórum Metropolitano, ou á Federación de Asociacións de Veciños de A Coruña e Área Metropolitana. Todos eles son espazos presenciais de información e apoio para que poidas presentar propostas, apoialas e votalas.

      Ademais, as bibliotecas, os centros cívicos e o CMIX, así como as entidades colaboradoras, poden converterse tamén, se as persoas usuarias o desexan, en espazos presenciais de debate aos que poden sumarse a veciñanza e colectivos para debater e construír colectivamente.

      Pola súa banda, as asociacións de veciños e veciñas e todas as entidades rexistradas no REMAC (Rexistro Municipal de Asociacións da Coruña) poden organizar os seus propios encontros de debate durante toda a fase de achegas.

      Para apoiar e facilitar estes espazos de debate complementarios, o Concello ofrécelles ás entidades a información precisa e a formación específica, proporcionándolles tamén a documentación e metodoloxías necesarias para utilizar durante o desenvolvemento do encontro de debate.

      E se tes calquera dúbida para a que non atopes resposta na información anterior, podes enviar un correo a presupostos.participativos@coruna.es.