A Porta Aberta

Volver

Concurso de Ideas para o Porto - votación e debate

CIUDAD PUERTO

  • CIUDAD_PUERTO_panel_1-5.jpg CIUDAD_PUERTO_panel_1-5.jpg
  • CIUDAD_PUERTO_panel_2-5.jpg CIUDAD_PUERTO_panel_2-5.jpg
  • CIUDAD_PUERTO_panel_3-5.jpg CIUDAD_PUERTO_panel_3-5.jpg
  • CIUDAD_PUERTO_panel_4-5.jpg CIUDAD_PUERTO_panel_4-5.jpg
  • CIUDAD_PUERTO_panel_5-5.jpg CIUDAD_PUERTO_panel_5-5.jpg

Os espazos do Porto da Coruña forman un contexto urbano e portuario único e extraordinario, e a súa integración transformará positivamente a cidade, potenciando a súa identidade como cidade portuaria, mariñeira e pescadora, e a súa relación coa ría da Coruña. 

A presente proposta baséase nuns novos e innovadores obxectivos e formulacións: valoración especial do espazo público como marco global dos servizos e equipamentos; consideración central do ambiente; mobilidade sustentable; preservación da memoria histórica e a identidade do lugar; impulso decidido e planificado dos impactos socio-económicos; participación popular en todo o proceso.

A transformación do espazo portuario da Coruña coa introdución de novos servizos e equipamentos urbanos e coas formulacións anteriores supoñerá un gran impulso ás actividades portuarias. Os seus sectores de pesca, reparación naval, cruceiros, mariñas deportivas… deben continuar no novo porto urbano e, á vez deben introducirse novas actividades do mundo da cultura, a formación, o turismo, os sectores emerxentes das novas tecnoloxías e a economía do coñecemento.

A proposta urbanística valora especialmente o espazo público como elemento central e como marco global das novas actividades do porto. O deseño do conxunto do espazo baséase en: a pacificación do tráfico rodado; a promoción do paseo; a diafanidade e visualización da paisaxe marítima e urbana; a consideración duns servizos terciarios e unha dotación habitacional equilibrada que permita desenvolver unha mestura de actividades e unha economía dinámica da zona; a planificación de novos edificios de servizos en terra para as novas actividades marítimas. Para todo iso, dividiuse funcionalmente todo o espazo portuario en oito áreas e detalláronse numerosas propostas para cada unha delas.

As propostas para a sostibilidade do conxunto da área e do seu proceso de transformación construíronse con base en tres estratexias concretas: a) deseño de solucións baseadas na natureza (NBS); b) xeración dunha contorna de maior calidade para toda a cidadanía; c) sostibilidade considerando o metabolismo urbano específico da Coruña.

O modelo económico considera esencial a colaboración público-privada para conseguir os grandes obxectivos urbanísticos e económicos do interese xeral da cidade e a súa contorna. Un organismo específico, con clara dirección pública local e con representación dos organismos implicados, debe dirixir toda a operación considerando sempre unha estratexia económica que lle permita actuar en todo o momento promovendo o investimento público, os equipamentos e o mantemento da zona portuaria sen déficits.

Proponse un sistema de participación popular que non sexa puntual, senón para todo o proceso, desde a planificación á execución total do proxecto.

A amplitude do espazo portuario, a súa situación en relación á cidade e a ría converte o proxecto da súa reconversión nunha oportunidade única e excepcional para a cidade. Por iso, elaborouse unha proposta moi ambiciosa, pero realizable na súa globalidade e en todos os seus detalles.