A Porta Aberta

Volver

Concurso de Ideas para o Porto - votación e debate

PORTO METROPOLITANO

  • Porto_Metropolitano_Panel_1.jpg Porto_Metropolitano_Panel_1.jpg
  • Porto_Metropolitano_Panel_2.jpg Porto_Metropolitano_Panel_2.jpg
  • Porto_Metropolitano_Panel_3.jpg Porto_Metropolitano_Panel_3.jpg
  • Porto_Metropolitano_Panel_4.jpg Porto_Metropolitano_Panel_4.jpg
  • Porto_Metropolitano_Panel_5.jpg Porto_Metropolitano_Panel_5.jpg

A presente proposta co lema “Porto Metropolitano” pon o foco na mobilidade, non estudada soamente á escala da zona de actuación, senón tendo en conta o alcance metropolitano. Sen deixar nunca de lado un deseño urbano equilibrado e coherente, sustentable ambiental e economicamente ben integrado no conxunto da cidade, sen renunciar á identidade portuaria da fronte marítima.

A continuación expóñense as claves desta proposta:

- MOBILIDADE: A partir do aproveitamento de infraestruturas ferroviarias, en boa parte xa existentes, preséntase unha rede de tren-tranvía que lles serve de columna vertebral ao novo porto, á cidade e ao conxunto da área metropolitana da Coruña, conectando o infrautilizado acceso ferroviario polo bordo da ría do Burgo co trazado existente do tranvía a través destes novos barrios. Desta maneira, dáselle vida a unha rede ferroviaria para a que se propoñen tres liñas, dúas de trazado no interior da cidade e unha que conectaría a nivel metropolitano preto de 700.000 habitantes de diferentes poboacións, dende A Coruña a Ferrol.

Todo isto complementado cunha reestruturación das liñas de bus no entorno, unha conexión marítima a través de transbordador, unha rede de carril bici funcional e un deseño urbano que facilita e promove a mobilidade peonil.

- CENTRALIDADE METROPOLITANA: Esta nova mobilidade ten como centro neurálxico o intercambiador Porto Metropolitano, no peirao de Calvo Sotelo, que se convertería na porta de entrada á cidade, na súa conexión coa área metropolitana e no punto de paso diario de miles de persoas, dotando de vida e valor o barrio.

- UN NOVO BARRIO: No novo barrio haberá dúas zonas diferenciadas: por unha banda, a zona do peirao de Calvo Sotelo, que contará coa presenza do intercambiador, zonas verdes e un centro de negocios. Por outra banda, a zona de San Diego, de uso residencial con 5.000 vivendas, unha residencia universitaria, zonas verdes, equipamentos como un instituto e unha escola, zonas deportivas e un centro de alto rendemento para atletas.

- USOS PORTUARIOS: Algúns elementos portuarios coma a lonxa manterán a súa actividade. Outros tamén serán conservados, pero a súa función será diferente a actual, como o caso da Medusa e do Peirao de Petroleiros.

- ECOLOXÍA: A proposta ten un enfoque coidadoso co medio, tanto directa como indirectamente. Inclúense varias iniciativas dirixidas ao aforro enerxético, á redución de emisións e á xeración de enerxía aproveitando recursos naturais. A nova mobilidade proposta contribuirá a unha redución do tráfico nos accesos á cidade.

- EQUILIBRIO E SOSTIBILIDADE: Non se están a propoñer obras faraónicas. As actuacións propostas buscan, dende criterios funcionais, a posta en valor e o aproveitamento de patrimonio xa existente. As novas edificacións non supoñen unha barreira entre o mar e a cidade, todo o contrario. Proponse un porto amable para os seus habitantes; un porto que, como leva séculos facendo, siga achegando valor á cidade da Coruña