Na Coruña Contas

Volver ás votacións

Concurso de Ideas para o Porto - votación e debate

Vota as propostas seleccionadas polo xurado do Concurso de Ideas do Porto.

Podes consultar aquí a información de cada proxecto no apartado de información, así como acceder á comunidade de debate de cada un deles.

Precisas iniciar sesión ou rexistrarte para participares.

A. Integración urbana: Que proxecto propón unha relación máis acertada entre o porto e a cidade?

B. Mobilidade: Tendo en conta as necesidades de mobilidade e accesibilidade que ten a cidade, que proxecto prefires?

C. Sustentabilidade: Elixe o proxecto que consideras máis comprometido coa loita contra o cambio climático.

D. Modelo económico: Que proposta é máis útil para crear riqueza e emprego na cidade cun modelo innovador e sostible?

E. Participación: Cal outorga máis protagonismo á participación da cidadanía no proceso de transformación do porto?

Máis información

O Concello da Coruña convocou un Concurso de Ideas do Puerto co obxectivo de xerar ideas e fomentar o debate público sobre o futuro dos terreos portuarios da baía da Coruña.

O fallo do xurado do concurso premia as cinco mellores propostas, tendo en consideración as seguintes áreas de actuación: integración urbana entre o porto e a cidade, mobilidade e accesibilidade, sustentabilidade, modelo económico e participación cidadá.

Co obxectivo de que este proceso conte con formatos nos que quepan outras fórmulas de participación que enriquezan o resultado do concurso, ábrese á cidadanía a posibilidade de votar os cinco proxectos gañadores e participar en debates abertos sobre as ideas que propoñen.

Os proxectos expóñense na Sala de Exposicións do Pazo Municipal de María Pita do 26 de febreiro ao 17 de marzo de 2019.

PORSUPORTO

Ampliar imaxe
  • PORSUPORTO_PANEL_(1).jpg PORSUPORTO_PANEL_(1).jpg
  • PORSUPORTO_PANEL_(2).jpg PORSUPORTO_PANEL_(2).jpg
  • PORSUPORTO_PANEL_(3).jpg PORSUPORTO_PANEL_(3).jpg
  • PORSUPORTO_PANEL_(4).jpg PORSUPORTO_PANEL_(4).jpg
  • PORSUPORTO_PANEL_(5).jpg PORSUPORTO_PANEL_(5).jpg

A proposta formulada parte das seguintes premisas: o mantemento da actividade portuaria, a introdución progresiva das actividades cidadás nos terreos portuarios, as implicacións para a participación cidadá e a temporización das accións formuladas da condición procesual dunha operación de transformación urbana desta escala, a combinación da lectura transversal (escala barrio) e lonxitudinal (escala metropolitana), a funcionalidade social e medioambiental do bordo costeiro como interconexión da rede de espazos libres rexionais e a aposta pola titularidade pública da totalidade dos actuais terreos portuarios.

O proxecto estrutúrase en tres fases diferenciadas para lle dar resposta á incerteza do proceso: unha primeira fase (2020), centrada nas transformacións inmediatas, de baixo custo e provisionais; unha segunda fase (2030), centrada na apertura aos usos públicos e ás novas formas de mobilidade; e unha terceira e última fase (2050), centrada na hipótese dun futuro incerto, pero público e con actividade portuaria.

NÓSFÍOS

Ampliar imaxe
  • NOSFIOS_panel_1.jpg NOSFIOS_panel_1.jpg
  • NOSFIOS_panel_2.jpg NOSFIOS_panel_2.jpg
  • NOSFIOS_panel_3.jpg NOSFIOS_panel_3.jpg
  • NOSFIOS_panel_4.jpg NOSFIOS_panel_4.jpg
  • NOSFIOS_panel_5.jpg NOSFIOS_panel_5.jpg

PUNTADAS CON FÍO. CAMIÑO, NÓS E ÁREAS DE OPORTUNIDADE

Proxecto que abrangue o conxunto do ámbito de estudo proposto e que parte da intervención mínima: o trazado dun camiño que se apoia no existente, e da selección de nós cuxa transformación como articuladores necesarios, permitirá a integración urbana entre porto e cidade e o desenrolo de áreas de oportunidade no tempo.

CAMIÑO-FÍO

Intervención mínima. Xa. Unha obra doada de facer que aproveita o existente. Pavimento, vías do ferrocarril... Fío do porto, veta (cabo, corda) da cidade. Liña continua, estrutura do movemento onde facer nós (nodos). 7.569,26 metros de percorrido polo ámbito. Enlace co Paseo Marítimo no dique de abrigo e con outro futuro que se propón dende Oza - As Xubias cara á Ponte Pasaxe. O camiño-fío recolle unha aspiración e vocación que a cidade ten: a accesibilidade ao mar e a recuperación de tramos de costa agora esquecidos, con todo o que supón de memoria e conexión visual e espacial. Perceptiva. O camiño representa a loita dos cidadáns contra a desconexión e perda dos espazos. Deambular permite reflexionar sobre a cidade dun. Propor (participar).

NÓS-XERMES

Oportunidades. Lugares que xogarán un papel chave na historia, trazado e construción da cidade a partir de agora. Espazos en reconversión onde as intervencións arquitectónicas e de enxeñería terán moito que dicir. A súa activación dependerá das circunstancias, das posibilidades do momento e do consenso cidadán. Os nós son xermes para a transformación da cidade no tempo e cada un deles concentra valores dos cinco principais criterios a ter en conta na intervención. Son por tanto, estratexias por si mesmas que na proposta aparecen representadas en posición nunha liña secuencial norte sur, e desenroladas no tempo cun orde suposto relacionado coas necesidades recollidas que poder tamén ser posto en análise coa participación cidadán de novo.

Os nós son lugares de articulación e integración que implican por igual á cidade consolidada e o bordo portuario en transformación (puntada). Xunto co camiño (fío) permiten entender unha proposta de conxunto que, porén, pode ser executada dende a intervención puntual, por tramos e mesmo en función dos tempos e a dispoñibilidade dos terreos. Preto dos nós aparecen outras actuacións intermedias que collen importancia como fases previas ou posteriores.

ÁREAS

Espazos de transformación no tempo. Ámbitos que irán mudando a partir das intervencións nos nós. A dinámica de cambio virá condicionada polo convenio e a disposición. Unha intervención gradual na que as trazas, superficies e mesmo estruturas, serven de soporte dos novos usos. A destacar, as pegadas do tecido industrial e as do ferrocarril onde elementos como os depósitos, algunhas naves, a estación e as vías do tren, son aproveitadas como bases xa construídas para o desenvolvemento de equipamentos e espazos libres.

Finalmente, un percorrido por eles: a illa é illa. A continuidade dos xardíns no litoral. As institucións agora metidas nun parque. A creación da praza do Muro, o mercado do peixe. De castelo a castelo. Reconversión dun gran espazo ocupado por infraestruturas. Tecido produtor e investigador dos recursos do mar. Tecido - depósitos de aloxamento e equipamento públicos. Cotas baixas que permiten o lagunaxe. A exuberancia dun parque que é selva. Asomarse aos varadoiros. O xardín polas ramplas cara o mar e a vía como paseo que segue cara ás Xubias, Culleredo…

GROWING TOGETHER

Ampliar imaxe
  • GrowingTogether_panel_1.jpg GrowingTogether_panel_1.jpg
  • GrowingTogether_panel_2.jpg GrowingTogether_panel_2.jpg
  • GrowingTogether_panel_3.jpg GrowingTogether_panel_3.jpg
  • GrowingTogether_panel_4.jpg GrowingTogether_panel_4.jpg
  • GrowingTogether_panel_5.jpg GrowingTogether_panel_5.jpg

Preséntase a proposta baixo o lema GROWING TOGETHER, que significa “Ambos medramos” e “Achegámonos”, que é tamén o obxectivo. 

Preténdese aproveitar esta oportunidade única para a cidade mantendo a titularidade pública do chan; dotando dun novo uso os peiraos interiores, baseado en equipamentos e espazos públicos, infraestruturas verdes; creación de emprego e riqueza, mediante o mantemento dos usos produtivos (pesca e náutica deportiva), e apostando pola economía azul. Mellorar a mobilidade e accesibilidade, principalmente do peón e ciclista, reducindo drasticamente as distancias e o tempo de percorrido entre barrios a través desta nova zona de contacto cidadán accesible para toda a cidade e os concellos limítrofes. 

A) Integración urbana entre porto e cidade

Esta proposta consegue eliminar a separación que hai ata agora, debido ao uso exclusivo portuario e ao peche que impide o acceso da cidadanía ao mar.  

- Facilitar o acceso á zona abrindo o muro-peche actual existente no nivel peonil, ciclista e viario. 

- Considerar a Estación Intermodal en San Diego, con enterramento de vías e conexión cunha nova Estación Marítima, dotadas de amplos aparcadoiros. 

- Creación de grandes prazas que permitan a comunicación cidadá. 

B) Mobilidade e accesibilidade

Deséñanse dúas pontes e unha pasarela peonil e ciclista, achegando barrios da cidade, diminuíndo o uso do coche, mellorando da calidade do aire, reducindo o CO2 e favorecendo a saúde dos habitantes. 

- Ponte levadiza tensada de 310m, que permite o paso dos maiores transatlánticos existentes actualmente. (Posible emblema da cidade nova). 

- Ponte de 192 m. 

- Pasarela de madeira 482 m. 

- 9,5 km de carril bici e 14 km de paseos. 

- 2 glorietas de conexión na praza da Palloza e próxima á Delegación do Goberno. 

-  Aparcadoiros subterráneos e en superficie. 

C) Sostibilidade 

Intervencións para a calidade de vida e respecto ambiental.

- Aumento de zonas verdes en máis de 360.000 m2.

- Xardín botánico.

- Rehabilitación de edificios singulares, destinándoos a outros usos.

- Rexeneración de flora e fauna mariña. 

- Creación de dous novos areais.

D) Modelo económico 

Supoñerá un importante desenvolvemento para a economía local, mediante a xeración dun gran número de novos postos de traballo e mantendo os actuais. 

- Mantemento e aumento da pesca no peirao de Oza. 

- Relocalización da lonxa. 

-  Adaptación do peirao do Centenario para transatlánticos.

- Instalacións de hostalaría e comercios. 

- Museos & I+D+i.

- Edificios das administracións públicas. 

E) Participación cidadá

Deberán terse en conta as necesidades e déficits actuais da cidade para a distribución de servizos públicos, tendo en conta, a partir da convocatoria de sistemas de participación pública, as posibilidades de localización e fases de execución.

- Equipamentos deportivos.

- Instalacións de lecer.

- Equipamentos sociais e culturais. 

Grande oportunidade para a modernización e dinamización da cidade e a súa contorna a través da recuperación da outra fachada marítima da cidade.  

Con esta actuación lógrase recuperar un espazo urbano público para o beneficio económico, social e ambiental dos habitantes da Coruña e os seus arredores. Todo este desenvolvemento urbano está exposto dunha maneira integradora, sustentable e innovadora, que mellora a contorna e a accesibilidade. Ideada por e para a cidadanía.  

PORTO METROPOLITANO

Ampliar imaxe
  • Porto_Metropolitano_Panel_1.jpg Porto_Metropolitano_Panel_1.jpg
  • Porto_Metropolitano_Panel_2.jpg Porto_Metropolitano_Panel_2.jpg
  • Porto_Metropolitano_Panel_3.jpg Porto_Metropolitano_Panel_3.jpg
  • Porto_Metropolitano_Panel_4.jpg Porto_Metropolitano_Panel_4.jpg
  • Porto_Metropolitano_Panel_5.jpg Porto_Metropolitano_Panel_5.jpg

A presente proposta co lema “Porto Metropolitano” pon o foco na mobilidade, non estudada soamente á escala da zona de actuación, senón tendo en conta o alcance metropolitano. Sen deixar nunca de lado un deseño urbano equilibrado e coherente, sustentable ambiental e economicamente ben integrado no conxunto da cidade, sen renunciar á identidade portuaria da fronte marítima.

A continuación expóñense as claves desta proposta:

- MOBILIDADE: A partir do aproveitamento de infraestruturas ferroviarias, en boa parte xa existentes, preséntase unha rede de tren-tranvía que lles serve de columna vertebral ao novo porto, á cidade e ao conxunto da área metropolitana da Coruña, conectando o infrautilizado acceso ferroviario polo bordo da ría do Burgo co trazado existente do tranvía a través destes novos barrios. Desta maneira, dáselle vida a unha rede ferroviaria para a que se propoñen tres liñas, dúas de trazado no interior da cidade e unha que conectaría a nivel metropolitano preto de 700.000 habitantes de diferentes poboacións, dende A Coruña a Ferrol.

Todo isto complementado cunha reestruturación das liñas de bus no entorno, unha conexión marítima a través de transbordador, unha rede de carril bici funcional e un deseño urbano que facilita e promove a mobilidade peonil.

- CENTRALIDADE METROPOLITANA: Esta nova mobilidade ten como centro neurálxico o intercambiador Porto Metropolitano, no peirao de Calvo Sotelo, que se convertería na porta de entrada á cidade, na súa conexión coa área metropolitana e no punto de paso diario de miles de persoas, dotando de vida e valor o barrio.

- UN NOVO BARRIO: No novo barrio haberá dúas zonas diferenciadas: por unha banda, a zona do peirao de Calvo Sotelo, que contará coa presenza do intercambiador, zonas verdes e un centro de negocios. Por outra banda, a zona de San Diego, de uso residencial con 5.000 vivendas, unha residencia universitaria, zonas verdes, equipamentos como un instituto e unha escola, zonas deportivas e un centro de alto rendemento para atletas.

- USOS PORTUARIOS: Algúns elementos portuarios coma a lonxa manterán a súa actividade. Outros tamén serán conservados, pero a súa función será diferente a actual, como o caso da Medusa e do Peirao de Petroleiros.

- ECOLOXÍA: A proposta ten un enfoque coidadoso co medio, tanto directa como indirectamente. Inclúense varias iniciativas dirixidas ao aforro enerxético, á redución de emisións e á xeración de enerxía aproveitando recursos naturais. A nova mobilidade proposta contribuirá a unha redución do tráfico nos accesos á cidade.

- EQUILIBRIO E SOSTIBILIDADE: Non se están a propoñer obras faraónicas. As actuacións propostas buscan, dende criterios funcionais, a posta en valor e o aproveitamento de patrimonio xa existente. As novas edificacións non supoñen unha barreira entre o mar e a cidade, todo o contrario. Proponse un porto amable para os seus habitantes; un porto que, como leva séculos facendo, siga achegando valor á cidade da Coruña

CIUDAD PUERTO

Ampliar imaxe
  • CIUDAD_PUERTO_panel_1-5.jpg CIUDAD_PUERTO_panel_1-5.jpg
  • CIUDAD_PUERTO_panel_2-5.jpg CIUDAD_PUERTO_panel_2-5.jpg
  • CIUDAD_PUERTO_panel_3-5.jpg CIUDAD_PUERTO_panel_3-5.jpg
  • CIUDAD_PUERTO_panel_4-5.jpg CIUDAD_PUERTO_panel_4-5.jpg
  • CIUDAD_PUERTO_panel_5-5.jpg CIUDAD_PUERTO_panel_5-5.jpg

Os espazos do Porto da Coruña forman un contexto urbano e portuario único e extraordinario, e a súa integración transformará positivamente a cidade, potenciando a súa identidade como cidade portuaria, mariñeira e pescadora, e a súa relación coa ría da Coruña. 

A presente proposta baséase nuns novos e innovadores obxectivos e formulacións: valoración especial do espazo público como marco global dos servizos e equipamentos; consideración central do ambiente; mobilidade sustentable; preservación da memoria histórica e a identidade do lugar; impulso decidido e planificado dos impactos socio-económicos; participación popular en todo o proceso.

A transformación do espazo portuario da Coruña coa introdución de novos servizos e equipamentos urbanos e coas formulacións anteriores supoñerá un gran impulso ás actividades portuarias. Os seus sectores de pesca, reparación naval, cruceiros, mariñas deportivas… deben continuar no novo porto urbano e, á vez deben introducirse novas actividades do mundo da cultura, a formación, o turismo, os sectores emerxentes das novas tecnoloxías e a economía do coñecemento.

A proposta urbanística valora especialmente o espazo público como elemento central e como marco global das novas actividades do porto. O deseño do conxunto do espazo baséase en: a pacificación do tráfico rodado; a promoción do paseo; a diafanidade e visualización da paisaxe marítima e urbana; a consideración duns servizos terciarios e unha dotación habitacional equilibrada que permita desenvolver unha mestura de actividades e unha economía dinámica da zona; a planificación de novos edificios de servizos en terra para as novas actividades marítimas. Para todo iso, dividiuse funcionalmente todo o espazo portuario en oito áreas e detalláronse numerosas propostas para cada unha delas.

As propostas para a sostibilidade do conxunto da área e do seu proceso de transformación construíronse con base en tres estratexias concretas: a) deseño de solucións baseadas na natureza (NBS); b) xeración dunha contorna de maior calidade para toda a cidadanía; c) sostibilidade considerando o metabolismo urbano específico da Coruña.

O modelo económico considera esencial a colaboración público-privada para conseguir os grandes obxectivos urbanísticos e económicos do interese xeral da cidade e a súa contorna. Un organismo específico, con clara dirección pública local e con representación dos organismos implicados, debe dirixir toda a operación considerando sempre unha estratexia económica que lle permita actuar en todo o momento promovendo o investimento público, os equipamentos e o mantemento da zona portuaria sen déficits.

Proponse un sistema de participación popular que non sexa puntual, senón para todo o proceso, desde a planificación á execución total do proxecto.

A amplitude do espazo portuario, a súa situación en relación á cidade e a ría converte o proxecto da súa reconversión nunha oportunidade única e excepcional para a cidade. Por iso, elaborouse unha proposta moi ambiciosa, pero realizable na súa globalidade e en todos os seus detalles.


Necesitas iniciar sesión ou rexistrarte para comentar.