Calquera persoa empadroada na Coruña e maior de 16 anos pode propoñer algún investimento para a cidade e para os seus distritos.
Para debater sobre as necesidades dos distritos e da cidade, durante esta primeira fase realizaranse unha serie de encontros presenciais organizados polo Concello e polas entidades colaboradoras. As propostas fanse só a través desta web, pero se prefires a participación presencial, podes acudir a estes encontros ou aos puntos de apoio presencial repartidos por toda a cidade, onde che ofrecerán a información e medios necesarios para presentar as túas propostas.
Na fase de apoios e avaliación poderanse priorizar as propostas achegadas na fase anterior. É importante porque as máis apoiadas serán as que pasen á fase de votación final.
Antes da votación, durante a fase de avaliación, os diferentes servizos do Concello implicados estudan que cada unha das propostas elixidas cumpra os requisitos necesarios: que supoñan un gasto de investimento que sexan viables tecnicamente, legais, e valoran o custo económico que suporía levalas a cabo.
Na fase de votación final podes escoller unha ou varias propostas para toda a cidade e, ademais, unha ou varias propostas nun máximo de tres distritos da túa elección.
As propostas máis votadas incorporaranse ao proxecto inicial do Orzamento Xeral do Concello da Coruña de 2020