Na Coruña Contas

Volver

Placas de de rúa únicas e en tódolos recunchos

smlebo smlebo  •  25/04/2019  •  Toda a cidade  • 

 Exemplos de placas de Budapest, Venecia, París, Bilbao, Santiago e Londres
Exemplos de placas de Budapest, Venecia, París, Bilbao, Santiago e Londres

Código proposta de investimento: 1748

As placas de rúa cumpren unha función esencial nunha cidade. Porén, na Coruña atopamos moitas rúas nas que as placas están colocadas só nalgúns recantos, Por iso, propoño a colocación de placas de rúa en tódolos recantos, para poder identificar ao momento onde se está, e facilitando tamén a orientación.

As placas de rúa tamén son un símbolo da cidade. Son características as de París, Venecia, Bilbao ou Compostela. Por iso, tamén propoño un deseño que sexa característico e único da Coruña.

Unha suxestión sería que as placas incluísen os números dos rueiros, coma sucede en Budapest, o que permite saber cara onde ir cunha ollada rápida. A frecha indicaría o sentido do tráfico da rúa.

As placas poderían incluír un código QR que leve a unha web onde se explique a historia do nome e de edificios ou feitos senlleiros da rúa, ou información práctica para residentes e visitantes.

Localización: Toda a cidade

Informe de inviabilidade

A túa proposta non pasou á fase de votación e foi declarada INVIABLE por acadar menos de 80 apoios da cidadanía na fase de priorización, límite establecido para pasar á fase final de votación. Con todo, todas as propostas, tanto as viables como as inviables, son enviadas ás distintas Concellarías para que coñezan as demandas da cidadanía e poidan telas en conta no futuro. Animámoste igualmente a que participes na última fase, votando aquelas propostas que a cidade necesita. Moitas grazas pola túa participación, que é fundamental para facer A Coruña que todas e todos queremos.


Necesitas iniciar sesión ou rexistrarte para comentar.
  • ogaiago

    (5/5) Do mesmo xeito, lugares como a rolda de Outeiro, As Lagoas, A Gaiteira, rúa Fita, rúa Nova ou praza das Conchiñas (deturpación de Cunchiñas que cómpre corrixir), non deberían traducirse ao castelán porque soaría grotesco. En todo caso, a situación xeral é de desleixo cara ao galego e non ao revés. Cómpre traballar de preto neste asunto con lingüistas e expertos en toponimia local. Os nomes das flores nas rúas do barrio das Flores, os das cidades europeas na Zapateira e moito máis. Hai moito aí fóra por traducir ao galego e debe facerse ben. Non se poden permitir barbarismos como o da recentemente inaugurada avenida das “Fresas” de Eirís.
    En conclusión, repito, salvo algúns casos nos que non procede inventar un nome en castelán e outros casos (os menos) nos que é mellor deixalo en castelán, creo que se deben substituír as placas actuais por unha en galego e outra en castelán. É o natural e correcto no concello menos galegofalante de Galicia e asemade principal cidade do país.

    Sen respostas
  • ogaiago

    (4/5) Lamentablemente, a castelanización nesta cidade non é cousa de hai dous días. Algunhas rúas sempre tiveron o seu nome en castelán e non son unha tradución dun nome galego anterior. Nalgúns casos pódese galeguizar sen problema: caso de Durmideiras ou As Roseiras, pero noutros a tradución sería moi confusa. Por exemplo, teño visto algúns casos de uso de Beiramar no canto de Orillamar. Como chamar logo en galego a cercana rúa Veramar? Outro caso: no Orzán está a rúa Cordelería e non moi lonxe, a rúa Cordonería. Ninguén se refire a estas rúas en galego. De facelo, a primeira sería Cordoaría (ou cordoería), que se refire á manufactura de cordas e cabos para os barcos. Mais non hai unha palabra distinta en galego que designe o establecemento de venda de amallós, flocos, encaixes á parte da moderna “mercería”, que noutrora en castelán foi a “cordonería”. En casos coma estes, nos que non se acredite una forma orixinal en galego, propoño deixar a tradicional en castelán.

    Sen respostas
  • ogaiago

    (3/5) En que quedaría isto? Pois polo xeral en dúas placas ou unha placa dobre, e que vexamos tanto “Avenida del Ejército” coma “Avenida do Exército”, “Avenida de la Marina” coma “Avenida da Mariña”, “calle Burdeos” coma “rúa Bordeos”, "calle Palomar" coma "rúa Pombal" "calle de la Merced" coma "rúa da Mercé" e “Ronda de Outeiro” coma “Rolda de Outeiro” (ou mesmo DO Outeiro). Mais as cousas non son tan sinxelas e coido que hai casos que merecen unha excepción a esta regra xeral.

    Sen respostas
  • ogaiago

    (2/5) A miña proposta —en liña coa realidade social bilingüe na que vivimos e que se reflicte na situación de cooficialidade das linguas galega e castelá no noso país— é a de sinalizar as vías da Coruña tanto en castelán coma en galego. Deste xeito, pódese abordar unha verdadeira adaptación dos nomes das rúas ao galego sen bater agresivamente contra as formas comunmente aceptadas pola inmensa maioría dos coruñeses. É dicir, a rúa Santo André debe seguir estando indicada en castelán. Igual que nas rúas con nomes moi castelanizados (San Tomé por Santo Tomás, San Amaro por Santo Amaro, Alfonso IX por Afonso VIII), a inclusión de placas en galego eliminando toda referencia aos nomes en castelán plenamente asentados pode causar rexeitamento e resultaría moi contraproducente para a normalización da lingua galega.

    Sen respostas
  • ogaiago

    (1/5) Os avances en normalización lingüística son especialmente urxentes no caso dos nomes das vías do concello, cun compoñente moi visible e de grande influencia na realidade cotiá da cidade, como son as placas que sinalizan as nosas rúas, avenidas e prazas. A presenza do galego neste nivel é anecdótica arestora. Limítase a unha sinalización bilingüe do tipo de vía (calle/rúa, plaza/praza, seguida do nome da vía sempre en castelán. Por exemplo “plaza/praza Maestro Mateo” “calle/rúa Arzobispo Lago González” ou “camino/camiño Pinar”), e ao nome dalgunhas rúas que sería ridículo castelanizar (Torreiro, Canceliña). Secasí, seguen sen adaptarse ao galego nomes de tipos de vías como “ronda”, “plazuela” ou “callejón”, que serían rolda, praciña e calexa. O único avance recente nesta materia é a substitución das placas de vías con nomes de localidades galegas por novas placas coas formas oficiais en galego deses topónimos.

    Sen respostas
Non hai fitos definidos